lunes, 7 de noviembre de 2016

2º BudiñoRaid Terras do Louro (CPTO. GALEGO de Raids). 29 Outubro

Foi unha carreira dura,
moi disputada e de grandísimo nivel 


Con moita ilusión chegamos ao Campionato Galego de Raids de Orientación que se ía celebrar no concello de Porriño -Pontevedra- e limítrofes, última carreira da liga Galega 2016 e tamén Campionato Galego. 

Un equipo ilusionado, "novo" no sentido dos roles que íamos ter cada un dentro do equipo.
Os agraciados fomos Angel García, Ana Varela e eu mesmo. 

Todo se comezou a forxar finalizado o raid das Neves, unha vez conseguido o triunfo o equipo de Angel e a boa participación do equipo formado por Ana Varela, Quito e Antonio Blanco.

Aínda que o tiven que pensar unhas horas, o "encargo" era moi tentador e había tempo suficiente e forma de encaixar esa data como "prioritaria"

E está claro que non todos os días podes correr cun atleta de élite (considerado así polo Consello Superior de Deportes). Pero tamén a miña responsabilidade de estar á altura era moi grande. 

Está claro que si Angel confiaba en dispor dun bo equipo e foi él quen o propuxo, quen son eu para non darlle a razón?? . Pois foi así como se forxou o equipo.

De Ana, non tiña dúbidas, levo tempo correndo con ela como compoñente dos equipos de raids e a súa progresión é brutal. Cada día sorpréndeme máis. O seu cambio a nivel físico e mental e sobre todo de equipo está sendo extremadamente positivo. 

Así pois, o Brigantia Fogar de Breogán (o nome si que non tiña dúbidas), situaríase na liña de saída con aspiracións a conseguir entrar no podium. 

O traballo anterior ao día da proba foi máis levadeiro que de costume para min. Pensar en qué comida levar, bebida, roupa, ... así como as cantidades, recaeu en Angel e eu estaba de aprendiz. E non sabedes o moito que aprendín (aos meus anos mi madriña).


Bueno, arrancamos que me fago moi pesado.


LIÑAS SERAIS:
Raid con 6 seccións, 85 km , 5000 metros de desnivel, 5 disciplinas e 10 horas para completalo. 




SECCIÓN 1: 12 km  BTT
Saíamos da Praza do Concello de Porriño cunha orientación en bicicleta. O ritmo foi estratosférico. Aínda que levaba o "mapa suplente", a rapidez coa que os equipos orientaban e se desplazaban era extremadamente rápida para os primeiros minutos dun raid. Optei por non miralo.

Non tardaron en chegar as primeiras ramplas e con elas as primeiras axudas de equipo. Chegado a un punto, vemos que as decisións de orientación do grupo, caen prácticamente no noso orientador. Está claro que, aínda que non contamos para moitos nas quinielas, todos saben a capacidade de orientación de Angel. Como sabemos das nosas limitacións, nós imos ao noso.

Chegamos á transición, 4 ou 5 equipos xuntos. Por diante, a 4 minutos, ía o Aromon-Expedition (equipo íntegramente masculino).

SECCIÓN 2: 16.5 km TREKKING-RAPPEL-BTT
Sección na que saímos moi xuntos da transcisión os equipos que ían en cabeza. Unha vez chegado ao sector de rappel, comezou a haber algo de diferencia e a esparcirse ditos equipos, pero rematado o sector de trekking, vemos que 3 equipos, Arcadia Adventure Addicts (Alberto Taboada, Verónica Montes e Agustín Crespo), Team Sport Hg Head (Borja Varela, Jota Sancosmed e Saleta Castro) e Brigantia Fogar de Breogán (Angel García, Ana Varela e Quito), levamos unha lixeira ventaxa con respecto aos outros 3-4 equipos que estaban neste meollo. Un rápido sector de bici, no que o Arcadia ten algún problema mecánico, fai que o noso equipo Brigantia Fogar de Breogán, chegue cunha diminuta vantaxe de 1 minuto e 3 minutos (respecto a Team HG) á transición, situada en Salceda de Caselas. 

SECCIÓN 3: 11.7 km TREKKING
A cabeza de carreira na categoría Élite xa estaba clara nestos momentos e os 3 equipos saíamos a esta sección prácticamente xuntos. Hai un punto de inflexión, no que o Team HG e o Brigantia optan por arriscar collendo rumbo e o Arcadia opta por facer o camiño máis longo. A decisión nosa foi volver de volta cando vimos complicado sair dunha maraña de silvas e toxos. 

Na transición (Vilanova), vemos que ambos equipos chegaron cunha vantaxe sobre nós de 4 minutos. Rondaba a 1 do mediodía. 

Temos a gran sorte de ter unha asistencia das mellor preparadas de España, coñecedor de todos os aspectos que se poden controlar nunha carreira coma esta. Non é outro que Jesús, o pai de Angel, que acompaña ao seu fillo en cantas carreiras pode facelo. Nós só temos que preocuparnos de correr e da estratexia. A rapidez coa que nos carga de comida, bebida, material necesario, etc, fai que non pase desapercibido nun equipo. E dende aquí quero felicitar a todas as asistencias que fan ese traballo que non se ve nunha carreira, pero si que se nota ao final. 

SECCIÓN 4: 18.3 km KAIAK-TREKKING
A decisión de quén ía remar e quén ía facer o primeiro tramo de trekking estaba tomada dende a anterior sección. Ana e Angel remarán e eu farei o trekking. O Arcadia sae ao kaiak con 6 minutos de vantaxe, seguido do Team HG, tempo suficiente para non velos no río nun primeiro momento. 

Pero non tardo en avistar unha piragua ao lonxe. A diferencia con nós vaise reducindo pouco a pouco. Tanto que, na primeira baliza somos capaces de collelos. Era o equipo Team HG. A partir de aquí, estos dous equipos irán xuntos ata deixar o kaiak. O ritmo en piragua pono o Brigantia, e por terra, imos tranquilos Saleta Castro e mais eu. Danos tempo a sentarnos nun banco e apraudir aos nosos compañeiros "piraguistas". Por diante, nin rastro do Arcadia.

Desembarcamos e comezamos o sector de trekking. Saímos os dous equipos xuntos pero non tardamos en separarnos antes da primeira baliza. A partir de aquí, recordo un silencio sepulcral no monte, onde Angel orientaba á perfección e Ana e mais eu seguíamos o seu rastro. Talmente parecía unha familia de corzos. O silencio era absoluto. De vez en cando votábamos un ollo atrás por se veíamos algún dos equipos. Aquí comecei a pensar en que podíamos loitar pola victoria. As balizas perfectamente situadas para que tiveses que ser moi fino á hora de orientar e niso, nós levábamos ventaxa. 

Tal foi a nosa sorpresa cando chegados á última baliza e pegamos de fuxiños co equipo Arcadia, do cal, non sabíamos nada dende había horas. Acabábamos de recortar a distancia que nos levaban. 

SECCIÓN 5: 20 km BTT
Cunha rapidísima transición, saímos a esta btt os dous equipos xuntos. Do Team HG non sabemos nada, aínda non chegara á transición cando nós estábamos saíndo. 

Aquí podía estar o Título do Campionato Galego, e quizáis non íamos en boa compañía para logralo posto que, a primeira vista, eles podían estar mellor físicamente, posto que estamos a falar de 3 grandes atletas.

Non deberíamos de durmirnos moito, posto que o Team HG tampouco viña "manco".

Pero si algo nos caracterizaba a nós era o coñecernos ben e o traballo de equipo feito dende o primeiro minuto de carreira. 

Tras estar en compañía na primeira baliza, fomos capaces de facer a segunda por diante do Arcadia e ademáis, sair moi rápidos da "picada", momento tamén no que as forzas flaqueaban e comezaban a aparecer calambres que, creo ... lle deu a algún corredor do Arcadia ou algún prblema mecánico. Foi aquí cando visto que lle sacamos uns metros, apuramos a pedalada. O terreo favoreceunos, o traballo de equipo tamén e logo veu a orientación e a selección de trazado impecable para poder seguir con esa ventaxa.

Cando se podía pensar que nos podíamos vir abaixo físicamente, foi cando sacamos o mellor de nós. As dificultades xa as pasáramos nas anteriores seccións. Pola miña parte, tiven un pequeno baixón na anterior sección. Ana, que nun principio podía parecer a máis débil, ía de menos a máis, sen ter síntomas de cansancio. De Angel xa non digo nada, posto que é un "puto animal". Houbo un momento que non era capaz de seguir o ritmo dos meus dous compañeiros e tiven que romper ese silencio para dicirlle que "amarraran os ponys".

Chegados á transición, Jesús ten todo controlado, pásanos informe que lle levamos 10 minutos ao Arcadia e uns 12 minutos ao Team HG. Está nas nosas máns ser campión do raid e Campións do Campionato Galego. 

SECCIÓN 6: 6.5 km ORI-URBANA
Saímos pois a por o pleno de balizas e, aínda que as forzas xa estaban xustas (ou íso críamos), fomos facendo labores de equipo para chegar á meta. A sección era pequena, pero os atletas dos equipos perseguidores eran moi grandes e as carreiras non se gañan ata pasar a liña de meta. Estabamos demasiado cerca da victoria como para deixala escapar. 

E por fin, chegamos a Meta. Ilusionados, sorrintes, con apertas, aplausos e a familia do club Brigantia que nos agarbada na praza para darnos a noraboa. Pónseme a carne de galiña cando me dou conta uns minutos despois de que somos os Campións do Campionato Galego de Raids de Orientación 2016. 

Quizáis non estabamos nas quinielas, quizáis moitos nos foron metendo nela co transcurso do raid. O que teño claro é que o equipo traía a ilusión de estar á altura e de loitar ata o final.

Foi unha carreira dura, moi disputada e de gran nivel. Creo e creemos que fomos máis equipo que os demáis e loitamos como equipo axudándonos e esforzándonos por facer o que sabíamos.

Quizáis pensabamos e pensaban que levábamos desventaxa a nivel físico pero, os números e os tempos están ahí.





Finalmente, as diferencias foron de 17 minutos ao 2º sub-campión (Arcadia Adventure addicts ) e 23 minutos ao 3º clasificado (Team Sport HG Head)




miércoles, 2 de noviembre de 2016

Trail Montefaro 2016 (23-10-16)

Chegamos ao Concello de Mugardos
vistas novas, sendeiros novos


Primeira vez que corría este trail por terras de Mugardos e Ares. A mañá amanece con choiva, co cal habería barro. Sin saber moi ben cómo podían ser esos 21 km, ía coa ilusión de facelo o mellor posible, coa mente na semana seguinte, no Campionato Galego de Raids de Orientación

Cunha dor de garganta e moita tos dende principios de mes, o"ou curo ou reviento". Chegamos pois á entrega de dorsais cun bo chuvasco e dentro dun mosteiro que me deixou impresionado. Alegría por ver a amigos e coñecidos que aman este tipo de deportes, ahí estiven de palique ata xusto o pistoletazo de saída. 

Neste intre xa collera os recortes para saber cómo podía ser o transcurso de trail, e aló fomos. Saíamos cun medio quilómetro que ía picado cara arriba, onde collemos o lugar que cría podía ser o meu a esas alturas. Creo que aquí, xa se acabou o gardar para a semana seguinte. A pista fíxose sendeiro que baixaba vertixinosamente cara un pequeno faro. Sen mirar atrás, soamente vía a tres galgos ou lebres ou calquer animal escurridizo que poidades pensar, eran "os tres de sempre"


De repente, unha forte subida por un carreiro ponme ás máximas pulsacións e non tardei en poñerme a andar se quero sair vivo de ahí abaixo e do trail. Nese momento podo votar unha vista atrás e, sorpresa de min, vexo soamente a dous corredores que lle levo unha boa distancia, o resto do trail, aínda non se ven. "Coñooo, me he pasao!!" pensei, posto que non levábamos aínda  un quilómetro e estaba no grupo de cabeza, ese que non me correspondía se quería chegar en condicións á meta. 

Menos mal que esto dos trails tes todo tipo de desniveis e chegou o momento de baixar. Recordo pasar polo km 2, xa en asfalto e ver como pouco a pouco "os tres de sempre" se van alonxando, alonxando, alonxando e por atrás comezo a notar a presión dun dos corredores.. Foi no primeiro avituallamento onde, collendo un vaso de auga, me despisto e vou por un carreiro que non é, e cando a organización me avisa, pásame o "quinto de abordo"

Aínda que nas baixadas técnicas no que parecen unhas antigas galerías militares, baixo moito mellor que él, leva un ritmo no resto dos trazados que vale a pena non seguilo. Por detrás de min, parece que non hai signos de vida do resto dos participantes. Cando o trail se pon costa abaixo, acércome a él, cando o trail se pon costa arriba escapa coma un corzo. 



Chegan tramos entre bosque autóctono que cambia de ambiente e sobre todo que disfruto entre as follas de castiñeiros. Non tardo en atoparme co bucle dos do percorrido curto que amablemente me deixan paso. O "quinto de abordo" (que xa era cuarto), aínda se ve ao fondo, pero xa é imposible chegar a él.

Cando me dou conta xa imos polo km 18, polo que toca aguantar a posición na que estou. En nada chego á estrada pola que chegamos nos coches pola mañá. Alí tiña ao mellor dos aliados, o fillo de Felipe que me deu tempos e que me alentou ata meta, entrando conmigo. 






Un 5º posto que sabe de novo a gloria, nun día perfecto para a práctica de deportes na naturaleza. 


Agora tocaba ducha e picoteo. 

O das duchas foi algo que me sorprendeu (os que participaron saben do que falo), pero que despois vin que era a cousa máis normal do mundo. Claro que hai xente "máis tímida" que se sinte mal nese aspecto, e quizáis non lles guste moito (para gustos). Ducha, cervexa e parloteo coas mellores xogadas con amigos, coñecidos e futuros coñecidos. 
A entrega de trofeos e os pinchos finais, non deixan a ninguén indiferente nese paraxe e nese atrio.

Sen dúbida desfruteino moito e paseino xenial. Unha zona que non coñecía e que, como moitas outras de Galicia, non deixan de sorprenderme. 

E por si fora pouco, aínda non quedaba outra das atraccións do trail, que foi á hora de sacar os coches do aparcadoiro. Unha pequena subida de non máis de 5 metros converteuse nunha atracción, gracias á pouca choiva que caeu durante a noite. Nós non tivemos problema, pero aínda nos votamos unhas risas.




jueves, 6 de octubre de 2016

I Raid Condado Marqués de Vizhoja

Un raid cheo de sensacións, aventura
e moito mimo por parte da organización


Chega tarde pero chega. 

Primeiro raid que corremos xuntos (Ana Varela, Antonio e eu). 15 días antes, parecía que non había gañas de raid e a palabra disfrutar parece que nos animou un pouco. 

Sin apenas adestrar e cada un pola súa conta, alá nos xuntamos o venres pola noite para sacar algunha estratexia clara. 

E esa foi a que nos dou alas a partir de media tarde. Comezamos.


ETAPA 1: 102.5 km -Arbo-As Neves-Salvaterra-

S1: score urbano (2 km) / S2: trekking (16 km)
Esta primeira parte da carreira decidimos facela rápida, pensando noutras seccións que cremos poder facelas mellor e coller máis puntos. Somos o primeiro equipo en pasar por meta, iso si, con poucas balizas picadas, aínda que houbo moitos con cara de sorpresa ao vernos chegar, nós sabíamos o que queríamos. 



S3: btt ( 8 km) / S4: Trekking (4 km) / S5: btt (40 km).
Esta parte da carreira era a que creíamos que podía marcar diferencias. O importante era chegar a esa S5 de 40 km na mellor das condicións. Dicir que ata esa S5, tivemos varios problemas de "liderazgo". A adrenalina superábanos e incluso quería orientar o que non levaba mapa. Isto sucede cando van 3 orientadores no equipo. Pero tivemos a gran sorte que, comezando a S5 a adrenalina xa era máis ben pouca e o cansancio comezaba a verse, e iso fixo que a cabeza de cada un de nós comezase a pensar e a funcionar polo ben do equipo. 

Á chegada da S5, e sabendo que esta S5 fixémola verdadeiramente moi ben, "chívannos" que estamos entre o 5º e 7º lugar, o que nos dá un subidón de la leche, posto que ... víñamos a disfrutar. 

S6: Trekking (17,5 km) / S7: trekking-kaiak-trekking-rappel (2+12+1 km)
Estas foron unhas seccións complicadas a nivel equipo. As forzas eran limitadas e comezábamos co extradeportivo. Aínda que a orientación era moi boa, o ritmo non era o esperado por min, pero de vez en cando tíñamos que recordarnos que víñamos a disfrutar, e algún non o estaba facendo. Conseguimos rematar a sección S6 da forma máis digna posible e pensando en que algún de nós podería descansar na seguinte sección. Ahí comezamos a S7, igual q rematamos a S6, sen ritmo, pero ahí estábamos. Unha vez no kaiak, o ritmo era mellor que os equipos que levábamos cerca ... ata que nun rápido, caigo da piragua, SI, caigo da piragua por non estar sentado nela. Demasiado relaxado, o que provocou que os equipos que adiantáramos remando, nos adelantasen de novo. Volta a remontar, que xa non foi posible. Chegados ao cambio de compoñente na ponte onde se realizaba o rappel, a noite votábase enriba, había que prender os frontais e subiu Ana na piragua. Increiblemente, e sendo a primeira vez que remamos xuntos, imos "no aire". A velocidade de cruceiro, decidimos nunha das balizas, arriesgar e ir a pola máis lonxana, esa que había que portear varias veces a piragua. Íamos extremadamente moi xusto coa hora de corte, pero iso fíxonos sacar forzas de onde quedaban. Sufrimos pero adiantamos a equipos e con cada remada sabíamos que íamos chegar antes do corte. E así foi. Realmente fixemos unha gran sección. 


ETAPA 2: 22 km (Salvaterra-Salvaterra)
S8: Rogaine nocturno
De novo outro subidón. Antes da saída ás 23 horas, vemos as clasificacións e seguimos no "meollo". 
Increiblemente nesta sección nocturna, o equipo colleu ritmo, moito ritmo. Nin rastro había de pájaras nin nada polo estilo. E así foi como conseguimos chegar como 3º mellor equipo élite. 

Acabábamos de posicionarnos no 4º posto e cunha lixeira ventaxa con respecto aos equipos perseguidores. Agora tocaría recuperar e descansar o suficiente nesas poucas horas que tíñamos para durmir e que mañá non houbese nada anormal. 


ETAPA 3: 41.5 km (Arbo-As Neves-Salvaterra)
S9: rafting-trekking (2+5 km)  / S10: btt (17.5 km)  / S11: trekking (17 km)  / META
Os 3 nos levantamos descansados e recuperados. Pintaba ben. Despois dunhas risas no rafting, comezamos o trekking moi centrados e confiando nas nosas posibilidades. Na S10, continuamos igual de ben e xa só pensabamos na S11, onde podíamos floxear. Pero xa tíxamos moito que floxear para que os equipos perseguidores nos puidesen sacar os 6 puntos que traíamos de ventaxa da etapa 2. 

Chegada a meta, 4º posto na xeral élite. Nin no mellor dos soños pensábamos nesa posición antes de comezar o raid. 



A partir de aquí, unha entrega de trofeos espectacular, como todo o raid. unha organización exquisita e excelente e unha zona espléndida para o deporte na naturaleza. 
Todos esperamos impacientes a vindeira edición que, esperemos que a haxa. 

Clasificación xeral (LERA)

Clasificación para a FE.GA.DO



jueves, 14 de julio de 2016

II Trail Encontro Monte Pindo (9-07-16)

A Conquista 
do Olimpo Celta

Por fín chegou o ano en poder participar nesta carreira. Aínda que non estaba planificada no calendario, tiña a obrigación moral de participar ou axudar, pola relación coa organización. Así foi que me despedín da Festa do Percebe do Roncudo -Corme- ao mediodía, cando xa comezaba a ulir a percebes e a festa rachada. 

Ao lío. Chegada ao Pindo con 32ºC e o coche sen aire acondicionado.

Despois da recollida de dorsal, un refresco cos Brigantia Almudena e Dani. Saúdos por aquí e saúdos por acolá. Teño unhas gañas de durmir que non se poden nin expresar, pero con tanto saúdo, só me da tempo a vestirme e pouco máis. 

Veño a defrutar deste maxestuoso monte e non morrer no intento, posto que levo varias semanas sen facer físico e moito cansancio mental. 

Dase á saída pasadas as 17:15 h. 

A calor é matador e a carreira sae lanzada. Cando saímos do Pindo e o sendeiro se pon costa arriba, comezo a adiantar ás lebres ata conseguir un ritmo discreto e mantendo a calma. A calor pode facernos unha mala pasada. 

Cada  pouco vótolle un sorbo de auga da mochila. Preocúpame o calor e os meus temidos calambres.

Pasada a primeira alfombra de control de paso, cántame o rapaz que vou onceavo. Redios !! 

A ver se non me estou pasando e eu sen enterarme.

Levaba 1 hora cando hai a división dos percorridos, 10.6 km. Alí canta o voluntario ... "vas quinto". 

La cagamos. Se a esas alturas vou nesa posición, agora hai que competir e non desfrutar. Quedaba o peor, pero tamén vendo o panorama, con ninguén á vista por detrás e vendo a dous corredores por diante, había que intentalo, aínda que sabía que non ía ser fácil, nada fácil.

Un escápase e o outro comezo a achegarme a él. 

Pasan os quilómetros e cando me dou conta, baixando, estamos 4 corredores en 100 metros. Fun quen de situarme durante uns quilómetros en 3ª posición (polo km 14), pero pasando o Rego de Valdebois unha subida de pulsacións repentina faime descender a velocidade ata estabilizarme de novo. Imos case á par eu e Nava González (rapaz co que levo coincidido varios km, intercambiándonos o 3º e 4º posto provisional). 

No 3º avituallamento, antes de subir á Moa, Nava adiántame de novo. Decido descansar un pouco e telo enfocado. Creo que baixo mellor que él. Pero a distancia cara arriba vaise facendo máis grande pouco a pouco. Aquí chega o segundo aviso das pulsacións. Durante 5 minutos non son capaz de estabilizar as pulsacións e, aínda que andando, o corazón late demasiado rápido.

Chagado á cota da Moa, lugar impresionante cunhas vistas infinitas, comeza a baixada pronunciada, cun inicio con cordas. De Nava xa non sei nada. Aínda que intento baixar a ritmo, xa é moita a distancia perdida, pero sigoo intentando. 

Non tardarei en darme conta de que xa non hai posibilidade de loitar por unha praza no podium absoluto. Agora comezaremos a pensar en que non nos pillen os de atrás.


A baixada é moi técnica de pedra en pedra, o que fai que acabe desfeito de pernas. 


Chego ao último avituallamento no km 25. 

Desexando rematar, descanso un pouco, sabedor que estaba en terra de ninguén. Algo de isotónico e auga e arrancando para finalizar a carreira. O ritmo xa era baixo, pero suficiente para non perder posición. 

E chegamos á meta cun tempo moi aceptable, tanto polas condicións meteorolóxicas (superiores a 30ºC durante toda a carreira) como polo estado físico no que chegaba. 

Case en trance, os amigos e amigas que estaban a esperar en meta axúdanme co avituallamento, estiramentos, bebida, calzado, ...








Conversacións, charlas, historias, ... e ducha. O día estaba para desfrutalo agora, unha vez "recuperado". E que mellor forma que subindo ao podium como 3º vet. A e despois cua boa degustación de rodaballo.










miércoles, 1 de junio de 2016

#UTAC 2016 (Ultra Trail Aldeas Courel 2016)

Rematou mellor do esperado.

Ainda que os adestramentos puideron ser mellores semanas antes, a vida ten imprevistos e contra eles nada podemos facer, nada máis que intentar mitigalos. 

Chegaba a este ultra, marcado no calendario, cunha semana de sobrecarga na perna dereita. Unha vez pasado polo fisio, ía chegar xustiño. E así foi, o venres as dores foron a menos. 

Venres ao mediodía arrancamos para Seoane do Courel, punto neurálxico da carreira. Saímos máis tarde do previsto e cun tempo desagradable, pero con gañas de pasar un día completo polas fermosas montañas do Courel.

Por fin chegamos, non sen antes parar en Pedrafita mercar nos establecementos locais. Alí uns avitualláronse máis que outros. Á chegada, saudos, recollida de dorsais e búsqueda de lugar con cobertura para, alomenos, facer unha chamada para saber ónde estaba a casa rural onde ía durmir.

Cea e pernocta en Casa Caselo de Paderne, unha vez feito o zafarrancho de combate na habitación. Roupa a levar na carreira, mochila para o km 40 e colocación da comida propia na mochila. 

Ás 5:30 horas en pé para almorzar. Moi amable a señora da casa, levantándose para facernos o almorzo. Todo casero, calidade e recomendable. 

Saida: 7:00 horas. 
Ahí comezaba a aventura. Por diante quedaban 80 km con case 12.000 metros de desnivel acumulado. 

No primeiro quilómetro, que xa picaba cara arriba, xa se veía quenes eran os galos que ían batallar polo premio gordo. No meu caso estaba alí para rematar a carreira, que xa era moito, vendo cómo estaba o tempo e o que chovera durante toda a noite. 

Pasado Paderne (km 6), tocaba a primeira gran subida do día, O pelotón xa había quilómetros que se desfixera e cada un sabía xa o trote que tiña que levar para conseguir rematar o ultra. 

Saín algo conservador e atopeime con 2 grupos de corredores que, na subida, ían a un ritmo que non me conviña, posto que me cargaba moito as pernas de ir tan amodo. Cando se puido, adiantamos.

En 2 horas clavadas, pasaba por Mercurín, despois de adiantar varios corredores nas pistas. O percorrido está sendo moi bonito e nalgúns tramos, espectacular. 

En nada pasamos por Ferreira Vella e entramos ás beiras do río Lor. En todo momento vou controlando as pulsacións e sobre todo, comer e beber según o estipulado.

Comezo a subida cara Sobredo. Levo ahí 24 km en 3 horas e cuarto. Fago contas que levo xa 1/4 do ultra feito e as sensacións son boas. 

Aínda que só levo 3 horas de carreira, xa hai tempo que non coincido con ninguén, polo que espero con ansia algún avituallamento ou aldea onde ver xente.

Dende Sobredo, haberá outros 5 km ata voltar á beira do río Lor, lugar onde parece que se vai "plano" durante algún km, polo que descansaría algo a musculatura e sobre todo as articulacións. 

Xa hai tempo que vou empapado de auga, pero sen pasar frío, polo que vou ben nese aspecto. En 6 km aproximadamente debería chegar a Seoane, onde me esperaba a mochila para cambiarme e un avituallamento. Neste momento, nunha gruta oscura, cunha sinal de Perigo, atopo dentro a un tinerfeño que pensei ao principio que era alguén da organización. Estaba morto de frío e esperando a ver alguén. Ía retirarse, pero ahí non podía e pediume se me podía acompañar ata o km 40. De ritmo ía perfecto, pero non era capaz de entrar en calor, polo que o seu ultra finalizou cando chegamos a Seoane. 

Ahí fixen un cambio de calcetíns e das prendas superiores. As mallas decidín non cambialas, posto que funcionaron ben. Aquí recibín o alento de varias persoas que me coñecían, que despois de 5 horas e media, agradecíanse. Comín algo e ... perdín moito tempo. Adiantáronme cousa de 7-8 corredores. Entre eles, un tal José, que aparecerá máis adiante nestas liñas. 

Esa perda de tempo, tería unha parte boa, recuperar o corpo, descansar o corazón e os pulmóns, comer algo distinto e relaxar as pernas o pouco que podía. 

Aló saín do avituallamento coa sensación de que ía rematar o ultra trail si ou si, aínda que por diante nos esperaba o peor, o temido Penaboa e algún "irmá" que non lle recordo o nome. As condicións climatolóxicas non cambiaron, choiva, choiva e máis choiva, camiños de barro e moita auga no chan.

A saída de Seoane faise terrible, uns desniveis e unha lameira que me fan ir moi concentrado e mirando onde pisar e onde agarrarse para subir. Alcanzo a un corredor que vai un paso para arriba e dous para abaixo. Un quilómetro despois consigo enlazar cun grupo de 3 corredores, onde está José, una rapaz que coñecín no trail do Castelo de Quiroga, pernencente ao Club Atletismo Sada (CAS). Imos pouco a pouco subindo e subindo, ata que o grupo se vai estirando. A subida é matadora, pero logo comezamos a baixar, polo que o grupo volve a xuntarse. Eu non sei moi ben o que podía quedar do Penaboa, pero sacoume de dudas un dos acompañantes. Aínda non comezaramos a subilo. Sinalou co seu dedo aló arriba, ao lonxe. Non o podía crer. Pero se ese pico estaba a "tomar por culo" e case me escarallo da nuca dándolle a cabeza para atrás, para ver ónde quedaba o pico ese. Chegamos ao avituallamento de Ferreirós de Arriba que marcaba o inicio da subía ao temible Penaboa. Os dous corredores "non identificados" xa comezaran a subir mentres nós estabamos de leria e comendo algo (xente simpática a dos avituallamentos).  Despois dun tempo subindo e subindo, non tardamos en coller de novo aos dous corredores. Hai un lixeiro descanso onde podemos ver o impresionante que é o Penaboa. Aló ao lonxe víase gatear a un atleta que non eramos capaces de saber a qué distancia podía estar, pola magnitude da imaxe na retina. E isto, hai que tomalo con paciencia e con constancia. E así se fixo. As conversas con Jose fixeron máis amena a subida e cando nos demos conta, sacábamos uns 80 metros aos outros dous do grupo.

Por fin chegamos ao mirador. Aínda que había outra pequena subida, esta xa era por pista e dou para desentumecer as pernas. E todo o que subimos, había que baixalo. Unha baixada por veces moi perigosa, moita pedra. Jose non baixaba moi ben, pero era unha boa compañía. En nada, pasounos un dos corredores. Nin un saúdo nos dou, e despois duns minutos, pasou o outro coma unha centella. Nin un ánimo nos dou tampouco. Finalizamos a baixada. O gps marcábame 60 km. Levo 3/4 de ultra e 8 horas e media. Aínda que esto pode dar moitas voltas, as cousas seguían pintando ben. 

Pero teño que dicir que a partir de aquí, entre a choiva, o cansancio, as dores da carreira, ... o cúmulo completo, fixo que non comera como tiña disposto, aínda que de beber si me acordaba e de poñer o chuvasqueiro cando o precisaba tamén. Esto fixo que tivese subidas e baixadas de ritmo, acorde á enerxía que tiña o corpo, polo que a axuda anímica de Jose fixo que seguise para adiante con bo ritmo. Cando non tiraba un, tiraba o outro. 

Recordo que no avituallamento de Moreda, volvemos a coincidir con un dos "do grupo" e que nos adiantou  outro corredor que non víramos durante toda a carreira. Saíndo de Moreda, demos conta do "do grupo", que pouco a pouco se foi quedando. E aló polo km 80 do reloxio, atopamos de novo ao corredor que nos adiantara no avituallamento. Caéuselle a moral ao chan cando lle dixemos que quedaban  sobre 8 km. Neste tramo Jose vai tirando de mín e, aínda que vou mal do estómago, continuamos con ritmo. 

Ás 12 horas de carreira, atopamos a un portugués estirando e collendo aire. Acóplase a nós pero por pouco tempo. O ritmo que levamos é imparable e non é capaz de seguilo. Xa estamos moi cerca da meta. Os últimos 4 km a 6.40 min/km de media. Chegamos felices e contentos. Conseguimos o reto.


O gps marcou 86.6 km en 12:18:00 horas. 

Un placer Jose, unha gran carreira. 8º clasificados na xeral.

clasificación xeral

campións por categorías









video












sábado, 30 de abril de 2016

VII Travesía do Xalo -Castelo-

Chegou a festa do Trail

Cita ineludible dende que o ano pasado participei por primeira vez. O traballo e esforzo de toda unha aldea volcada con este evento fai que esta data esté marcada de novo no calendario. Aínda que non se veña competir, hai que vir participar.

Dende o Costa Trail de Oleiros, non é que adestrase moito. E é que as dores que traía dende esa proba non me deixaron adestrar o mínimo que podía. A esto hai que sumarlle que 3 semanas antes o corpo non estaba nin física nin mentalmente preparado para o adestramento. Menos mal que fun recuperando sensacións 8 días antes da carreira e, o pouco que se pode facer neses oito días, foi escollido detalladamente acorde a ese estado.

Chegou o día da proba. O ambiente que hai na aldea de Castelo é impresionante. O traballo que fai a Asociación Castelo Deporte para que ese día sexa unha festa para recordar é espectacular. Visten a "Polideportiva" como se fose un evento internacional televisado. Non se pode describir aquí todas as sensacións que se teñen alí. 

Os saúdos de coñecidos e coñecidas non paran, xa menos mal que nos colleron os dorsais.

Este ano teñen preparado un percorrido cun ascenso cronometrado que, polo que vemos no perfil, máis ben parece unha montaña cortada á metade. Saímos en sentido contrario ao ano pasado, polo que non sabemos moi ben qué máis sorpresas nos deparan.

O Xalo, é un monte precioso, o percorrido pasa por carballeiras e demáis flora autóctona e, increiblemente creo que non pasamos por ningún tramo con eucalipto (que xa é raro nestas latitudes galegas). 

Saímos nos primeiros postos e buscando o lugar que entendemos pode correspondernos. Por diante van as gacelas de sempre, no que se pode intuir unha gran batalla (Fernando Arca, Moncho Muíños, Carlos Bardanca, Fernando Cancelo) seguimos máis atrás por Jorge Martínez, e despois o trío Javier Tourís e Rubén Díaz Franco e mais eu. 

Coma nos últimos meses, pequenos pinchazos en diferentes partes das pernas fan que non corra a gusto creendo quizáis que vaia demasiado rápido, polo que as distancias entre os 3 deste grupo vanse estirando.

Nas subidas parece que recupero espazo, pero en llano e nas baixadas este aumenta. 

Chegamos aquilómetro cronometrado, impresionantemente precioso pero extremadamente duro. Aló arriba vese a cabeza de carreira. Como cabía de esperar, pouco a pouco vexo máis cerca a Tourís e a Rubén. A xente na subida deixa unha estampa chulísima e difícil de definir. Os gaiteiros e as banderolas e o arco ao rematar a subida dalle moitos quilates á carreira. Teño a Rubén a tiro de pedra, pero no llano, comezan a avisarme os abductores e a gacela de Rubén vaise disfrutando entre os pinos. En nada xa o perdo de vista e na miña cabeza xa pasa o de aguantar ese pequeno ritmo e esperar que a ventaña co predecesor sexa suficiente. Nun llano consigo durante uns minutos coller de novo un ritmo bo, pero durou pouco, Ao lonxe xa se escoita ao spiker, estamos preto da meta e o obxectivo de quedar no top10 cumprido, aínda que non as tiña todas na saída.


Xusto no arco de meta, vexo a miña muller e a meu fillo, aos que non esperaba. Eles tamén se quixeron unir á festa. 






E vaia festa nos tiñan preparada os de Castelo Deporte, churrasco, sorteos, compañía, cantina, ... unha festa por todo o alto, no que me traio o recordo da comida en familia coa familia e amigos, así como as conversas post-carreira. Que ben o pasamos.
















sábado, 16 de abril de 2016

6º Costa Trail Oleiros

Era un día frío 


Publico algo tarde esto, pero polo que recordo, era un día de frío. 
Sen quentar e sen descansar o suficiente e xa non digamos o pouco que corrín os días antes, posto que a semana foi complicada polas inundacións en Ponteceso. A alimentación tampouco fora boa durante toda a semana, sen horarios e comendo case de bocadillo. 

Ahí estabamos na liña de saída. cunhas sensacións extrañas. Dase a saída e temos un tramo de praia, no que se pode coller moi ben a posición desexada.

Xa saínda da praia, os trotamundos de Fernando Arca e Rubén Seco van a un ritmo que, nin que foran apagar un lume. Por atrás estamos aínda en fila india. A posición está collida, así que a darlle para adiante. Non por moito tempo. 

Comezo a notar que non me sinto a gusto, nin en ritmo nin en pulsacións, e comezan a poñerse as pernas coma pedras, cunha dor en tobillos e tibial fora do normal. Por un momento, sobre o km 3, pásame pola cabeza retirarme (cousa que só se me pasa pero que nunca fixen), levo as pulsacións ao límite sen facer un gran esforzo físico, polo que vou preocupado. 

Dese terceiro-cuarto posto, caio ao doceavo e en caída libre, pero algo volve a funcionar e recobro a vitalidade durante un tempo, voltando a coller a Diego Lanchiñas e Alex, que había un bo anaco que xa non os vía. Volta con problemas idénticos ao principio e volta a reducir o ritmo, pero neste caso os que me seguían estaban moi atrás. Consigo de novo xuntarme con Diego e despois dun par de quilómetros, cando me deixa pasar para meter algo na boca, vexo que se vai quedando, e despois dun momento, xa vexo que, agora si, levo un ritmo alegre, xa era hora.

Dende ahí ata o final, recordo moita auga, moito barro e moitas polas (ramas para los españoles). Xa se ve o final do percorrido, moi preto está a meta, na que chego en 7º posición con 1:29:08.
Un trail moi bonito no que non puiden disfrutar como quería. Haberá que volver, pero espero que non pasen 6 anos. 





sábado, 26 de marzo de 2016

Black Night Raid (Rioja Alavesa)

Máis horas de ida e volta en autocaravana
que o tempo para desfrutar da aventura.

Venres, cumpre de meu querido fillo Marcos. Despois de festechar a festa cos seus amiguiños, saímos destino Kripan ás 20:10 horas. Quedábanos un longo camiño por estrada ata chegar ao destino. 

Parada para durmir e cear. Coa casa a costas, parece todo máis sinxelo. Claro que sempre estaba enriba nosa papá Marcos (O patrón), para que todo fose pola liña. Tocada durmir, e houbo quen o fixo si, outros escoitábamos un "concerto da sinfónica" a cargo de Diego Lanchiñas. Vaia noite me dou.

Sábado pola mañá, toca levantarse cedo, almorzo e de volta á estrada. O tempo comezaba a poñerse chuvioso.

Chegada a Kripan (Álava) cedo, con tempo suficiente para preparar as caixas dos equipos para deixar nas transicións e vestirse.

Ás 16 horas, dase a saída. Por diante quedaban 3 etapas. A estratexia que levamos é dividir as seccións en tempo, unha vez vistas as puntuacións por balizas e o tempo que pode durar coller ditas balizas. Así, tocaría, 2 horas para a sección de trekking, 3 horas 30 minutos para a de bicicleta e 1 hora e media para a última de trekking.

Imos por partes:



TREKKING + TIRO CON ARCO: 17 km con 1000 m+.
Saímos dos primeiros, nada de perder tempo, posto que había só 7 horas para rematar o raid co maior número posible de puntos. Chegamos primeros á primeira baliza, os 2 equipos Brigantia (Nordés e Xerión), Continuamos para a seguinte, onde xa cada un vai para un lado. Chegamos á baliza do Tiro con Arco. 3 frechas, 3 erros, toca facer un extra para conseguir os puntos. Finalmente damos coa solución á pregunta e continuamos, A partires de aquí, comeza a estratexia, e comezamos a deixar balizas que consideramos lonxanas e que non entraban na estratexia. Un trekking precioso, e o mellor de todo, sen toxos coma en Galicia. Esto permitiunos orientar de forma distinta ao que estabamos acostumados, collendo rumbos e lendo outras cousas dos mapas que, en Galicia case nin o percibimos. 

BTT: 65 km con 1300 m+
Destacaba a escala 1:35.000 que nunca víramos, pero que solventamos con creces mentres poidemos. 
Pronto nos demos conta que esta etapa ía ser moi complicada polo barro e pola auga. Era prácticamente imposible cambiar de piñón coa lama que levaba o cambio. Nalgunhas pistas, a bicicleta parecía un tabique de barro. 

O frío comezaba a meterse nos osos e as dificultades ían a máis, polo que a concentración fixo que nos desorientásemos por momentos de forma "ilóxica", ainda que o solventamos moi ben, cun Diego máis concentrado ca min, e iso que non levaba mapa. Comezamos a coñecernos en carreira. 

A tos volvía de forma xeralizada e incluso algún flema con sangue. A cousa non pintaba ben por momentos, pero había que acabar. De alí non me ían sacar en ambulancia. O ritmo era bo a pesar de todo, polo que o entusiasmo estaba ahí.

CARREIRA A PÉ + RAPEL + BULDER + ORI. DE MEMORIA: 12 km + 250 m+
Unha bonita carreira a pé pola vila de Oión e arredores. Volvemos a coincidir co Brigantia Nordés. Facemos todas as probas especiais e picamos varias balizas antes de chegar a meta cun pouco de holgura no tempo. Finalizamos coa alegría de dalo todo e pensando en que tanto a orientación como o ritmo foron moi bos. Agora habería que esperar ás clasificacións, e sobre todo, ducharse canto antes para non enfermar máis do que estamos. 

Ao descargar o sportident, xa vemos que hai un equipo por diante nosa, e non é precisamente o Brigantia Nordés, que ía con máis ritmo que nós. Na nosa cabeza pasa pois, estar entre o 4º ou 5º posto, pero definitivamente comezamos a ver que a estratexia que levábamos non era a correcta, e así o vemos máis tarde cando vemos que era máis convinte facer a primeria e terceira sección completa (tiña máis puntos con menos tempo) e facer unha btt máis lineal. 
Finalmente, un 8º posto que sabe a pouco, sabedores que fomos o 5º equipo que máis balizas collemos.

Sacamos moitas cousas positivas por non decir TODAS, menos o resultado. 



jueves, 3 de marzo de 2016

Trail do Castelo -Quiroga-

Unha carreira épica
nun lugar emblemático.

O ambiente trailero do venres á noite non hai quen o pague. Alí alégrache a noite, máis que a cea, a compañía, o ver amigos que ves de trail en trail, o coñecer aos amigos dos teus amigos que comparten a mesma aficción e que nun abrir e pechar de ollos, parece que os coñeces de toda a vida. Eso non hai quen o pague.

Pero había que pensar no día da carreira. Había que ir durmir, e nesta ocasión escollín o albergue. Alí coincidín tamén con xente coñecida (Marquíz e Pousada) e xente que tiven o gusto de coñecer e que, por unhas ou por outras, coñecíamonos polas redes sociais (coñecidos 2.0).

Toca levantarse a eso das 6:30 horas, teño a equipación preparada para estar ok en 5 minutos. Así que 6:45 xa estaba almorzando.

Minutos antes da saída
Ás 8 dábase a saída. Non as tiña todas comigo coa equipación, sobre todo co goretex, pesado e gordo. Incluso levaba un chuvasqueiro por si era incómodo ao longo da carreira.

3. 2. 1, saída e collo sitio, polo menos para que non me colla un embudo as primeiras de cambio. Pero aos 2 km xa vexo xente sacando roupa, e eu non tardei en facer o mesmo. Perdo posicións e métome no "trenecillo" que, aínda que o ritmo é máis lento do previsto, tampouco é malo.



Con Rubén Seco chegando ao avituallamento 1
Pasado o avituallamento 1 e xa mollados de pasar varias veces os regatos, entramos en zona nevada (una preciosidade correr nese ambiente). Pero non tardamos en equivocarnos nunha baixada no km 10 (5 minutos). Dun grupiño de 8 persoas, aparecemos buscando a seguinte marca uns 30 corredores, pero ao final fomos capaces de atopar e continuar no percorrido. Polo que podo intuir, ese grupo tiña que ser dos de adiante. Alí estaban experimentados traileros do ultra e do trail (Lolo Díez, Fernando Cancelo, Pablo López Calaza e Rubén Seco entre outros). Sigo adiantando xente e atópome ben. Non tardo en poñer de novo o goretex, posto que comeza a nevar e hai unha pequena brisa. Comeza o primeiro cresteo e a néboa comeza a cubrir todo. A neve supera os 10 centímetros e as balizas comezan a verse cada vez peor, polo que decido sprintar para coller ao grupo de adiante e non perderme e sobre todo, por si me pasa algo estar con alguén que me auxilie e viceversa.

A baixadiña da cota, se las trae, moi técnica e perigosa. Continúo adiantando xente sen subir o pistón, polo que as cousas van ben.

Perfil do Trail do Castelo -Quiroga-










Non tardamos en chegar ao km 20, na aldea de Outeiro, lugar onde paro o necesario para encher un botellín de auga e comer uns frutos secos e froita. Saio coa sorpresa que os do ultra van a subir o Montouto. Esto faime pensar en algunha xente que estaba inscrita ao ultra que, coas condicións climatolóxicas que vin ata ese km 20, podía pásalo moi mal e oxalá non lle sucedese nada. 
Neste punto vexo subir a Lolo Diez (ultra) e diante levo a Rubén Seco (trail) e outro trailero. Por detrás, alcanzo a ver 3 máis. Nun quilómetro en liña recta, poderemos estar 5-6 corredores.
Pasado o río Vilarmiel, xuntámonos 3 persoas no que só coñezo a Rubén, e iremos un longo treito distanciados uns metros uns dos outros.

No avituallamento 3 (Rugango, km30), volvemos a xuntarnos estos 3 corredores, e co esforzo da baixada e o parón para recuperar forzas, sinto un pequeno mareo de un par de segundo, nada anormal, pero que será o primeiro dos avisos. Nada máis arrancar e dándome ánimos Rubén Seco, noto como os aductores comezan a avisarme do esforzo que, xunto co piramidal que traía medio renqueante, fan de min un "chiquilicuatre", aínda que intento seguir a Rubén, xa non son quen de continuar a ese ritmo se quero rematar o trail, unha vez que me paro para atar ven os cordóns (xeados). Dende aquí xa non comezo a mirar cara adiante, senón que miro cara atrás, para ver ónde veñen os perseguidores. Quedaban aínda 15 Km de pendentes, auga, neve e frío.

Chegada a Paradaseca, onde estaba o último dos avituallamentos, e toca subir a última cota do día e baixala ata Quiroga. Alá fomos. E mesmo nesa cota, comecei a ter algo de frío que, xunto co cansancio acumulado, facíase jodida, pero máis jodida ía ser a baixada. Parecía que ía "rompendo ovos". Os cuadriceps "pedían papas", ía roto de pernas e o terreo era moi falso, polo que todo fose por non petar cos osos no chan. Nunha destas, pásame un corredor (Luís Miguel Fustes), era o mellor dos males, aínda levaba ben ventaxa coma para que só me adiantase un corredor. A baixada era cada vez maior, e nunha destas, pásame coma un lóstrego outro corredor, era Adolfo Garrido. Este foi visto e non visto. Aínda quedei un anaco pensando se o imaxinara ou se era realidade.

km 42, último repeito da carreira
Non daba chegado a ver Quiroga, e eso era malo. No km 42 volta a adiantarme outro corredor (Miguel Dorado), no último repeito do día que, aínda que me animou a seguir con él, as pernas non querían, polo que llo agradecín pero "machiño, o corpo é o que manda". Cal foi a miña sorpresa que, cando chegamos ao asfalto no núcleo de Caspedro, vexoo a uns 200 metros e con suficiente terreo chan, polo que de aquí ao final, hai que dalo todo, e así fixen, adiantando a Miguel e mirando xa ónde se atopaba o arco de meta.



E alí chegamos despois de 5 horas e 41 minutos.